Asociación Gallega de la Empresa Familiar | O PIB galego medra un 1,7% no terceiro trimestre de 2019
2341
post-template-default,single,single-post,postid-2341,single-format-standard,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-theme-ver-7.7,wpb-js-composer js-comp-ver-4.7.4,vc_responsive

O PIB galego medra un 1,7% no terceiro trimestre de 2019

10 Dec O PIB galego medra un 1,7% no terceiro trimestre de 2019

10 de decembro de 2019. Tras máis de tres anos cun crecemento igual ou superior á media estatal, o ritmo de desaceleración da economía galega mantense, cun incremento do PIB do 1,7% no terceiro trimestre de 2019, tres décimas por debaixo da media española, segundo os datos do Foro Económico de Galicia. Porén, o incremento é un 1,4% superior ao do conxunto de países da Unión Europea. En termos intertrimestrais, o aumento do PIB foi do 0,3% en Galicia fronte ao 0,4% rexistrado no conxunto do Estado.

O dinamismo da demanda interna converteuse no motor de crecemento da comunidade galega, contribuíndo ao crecemento agregado do PIB, con 2,9 puntos porcentuais máis.  Consolídase o cambio no patrón de incremento da demanda externa, que cae por sexto trimestre consecutivo a 1,2 puntos.

O forte dinamismo do gasto final en consumo e a moderación do investimento tamén marcan o terceiro trimestre. A industria manufactureira sitúase como o sector de maior crecemento, cunha medra interanual do 4,1%, en contraste coa ralentización da construción, que aumenta dous puntos e medio menos que no trimestre anterior. Os datos dispoñibles deixan ver que industria conserveira vai superar as cifras récord acadadas en 2018, con máis de 210.000 toneladas e mil millóns de euros.

As vendas fóra de Galicia medran un 0,8% respecto ao ano anterior e as compras un 3,4% tras tres trimestres consecutivos de caída. Non obstante, as exportacións descenden no terceiro trimestre un 2,2% impulsadas novamente pola baixada das vendas no sector do automóbil (-12%) e dos produtos enerxéticos (-4,7%). O importe total das exportacións ascende a 5.549,4 millóns de euros, o que representa o 32,1% do PIB galego, unha porcentaxe inferior ao obxectivo do 40% fixado para o ano 2020.

A desaceleración económica reduce o ritmo da caída do paro, sendo o de 2019 o terceiro trimestre desde a recuperación económica con menor redución do desemprego. En canto a creación de postos de traballo, é a menos intensa desde 2014, aínda que se produciu un aumento dos contratos temporais, ata os 243.800 traballadores.

Hai que destacar unha nova caída da poboación activa neste terceiro trimestre, especialmente grave no caso da poboación de 25 a 34 anos, cunha redución de máis dun 25% desde o primeiro trimestre de 2014. Oito de cada dez ocupados galegos no terceiro trimestre do ano son traballadores por conta allea.

Emilio Pérez Nieto e Santiago Lago Peñas, presidente e director do Foro Económico de Galicia, respectivamente, sinalan que 2018 foi un bo ano para a economía galega, mentres que 2019 preséntase como un exercicio de maior incertidume e máis tarefas pendentes. O PIB galego avanzou un 2,8% segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), dúas décimas máis que a media estatal. Galicia superou por primeira vez o 90% do PIB per cápita medio. “Este é un dato pouco coñecido e manexado, pero moi relevante. Hoxe estamos por diante de Asturias, Comunidade Valenciana ou Canarias. Somos décimos na clasificación autonómica. Extremadura e Andalucía, os colistas, quedan xa moi atrás”, apuntan  Pérez Nieto e Lago.

Estes datos foron extraídos do Informe de Conxuntura Socioeconómica, elaborado polo Foro Económico de Galicia en decembro de 2019 co obxectivo de subministrar aos axentes sociais, económicos e políticos a información básica e estratéxica que permita definir a situación actual da economía de Galicia.