Asociación Gallega de la Empresa Familiar | O efecto sede, o motor económico de Galicia
2169
post-template-default,single,single-post,postid-2169,single-format-standard,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-theme-ver-7.7,wpb-js-composer js-comp-ver-4.7.4,vc_responsive

O efecto sede, o motor económico de Galicia A Asociación Galega da Empresa Familiar celebrou a súa XIX asemblea xeral de socios e incidiu na necesidade dun marco fiscal máis equilibrado

06 Xuñ O efecto sede, o motor económico de Galicia A Asociación Galega da Empresa Familiar celebrou a súa XIX asemblea xeral de socios e incidiu na necesidade dun marco fiscal máis equilibrado

6 de xuño de 2019. “A empresa familiar é o motor económico de Galicia”. Con esta frase o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), Víctor Nogueira, inaugurou a XIX asemblea anual de socios da entidade, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela. Nogueira puxo de manifesto a importancia do efecto sede das empresas galegas de propiedade familiar, que son o 92% do tecido empresarial da comunidade, o que describiu como “unha mostra do compromiso dos empresarios familiares co territorio, xerando emprego e riqueza e cun investimento social que duplica ao do Fondo Social Europeo”.

En quince anos as empresas con sede en Galicia medraron catro veces máis que o PIB de Galicia en Valor Engadido Bruto (VEB) empresarial, xerando neste período unha riqueza acumulada de 95.227 millóns de euros, e o seu investimento social anual en mecenado, patrocinios e outras actividades acada os 98 millóns.

Diante dos representantes das 60 empresas asociadas de AGEF, Víctor Nogueira puxo o acento na ubicación periférica de Galicia e na necesidade de “un sistema fiscal equilibrado que nos permita sermos máis competitivos, facer fronte ás esixencias presupostarias e impulsar a atracción de empresas e empresarios”.

O presidente de AGEF subliñou tamén a importancia de que o traballo e a contribución ao territorio das empresas familiares galegas teña maior visibilidade. “En ocasións, o que temos perto é menos visible”, sinalou. Incrementar os encontros cos axentes sociais e académicos e tamén das actividades de AGEF, como o Fórum de Xoves ou o recentemente creado Club de Conselleiras, foron algunhas das propostas.

A XIX asemblea anual de socios de AGEF contou coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet. A conferencia central estivo a cargo do tenente xeneral Francisco José Gan Pampols, que centrou o seu discurso na capacidade de liderado en situacións adversas co relato da súa experiencia na expedición ao Polo Norte Xeográfico.