Asociación Gallega de la Empresa Familiar | Víctor Nogueira: “Se as empresas familiares medran, Galicia medra”
1759
single,single-post,postid-1759,single-format-standard,ajax_fade,page_not_loaded,,qode-title-hidden,qode-theme-ver-7.7,wpb-js-composer js-comp-ver-4.7.4,vc_responsive
Víctor Nogueira nuevo presidente de AGEF-nova
Víctor Nogueira durante a súa intervención na asemblea celebrada en Santiago.

23 Mai Víctor Nogueira: “Se as empresas familiares medran, Galicia medra” A XVII asemblea da asociación galega elixe ao seu novo presidente

23.05.2017

A XVII Asemblea xeral e Asemblea extraordinaria de socios da Asociación Galega da Empresa Familiar converteu a Víctor Nogueira no quinto presidente da institución, nunha decisión unánime dos asociados. A xornada celebrouse no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela e foi clausurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O novo presidente agradeceu a confianza dos socios asegurando que “ningún dos erros nos que poida caer será por falta de constancia ou de interese nesta nova tarefa”. Víctor Nogueira destacou o labor realizado polo presidente saínte da asociación, Emilio Pérez Nieto, e agradeceu o estímulo que supón ”conseguir igualar o listón” que deixa a súa andaina como presidente das empresas familiares.

Víctor Nogueira destacou que Galicia necesita seguir potenciando as empresas familiares porque “incentivamos a confianza, a credibilidade e mesmo a transparencia diante das institucións; algo básico que non quero esquecer nin renunciar durante a miña presidencia”. O novo líder da asociación asegurou que “se a empresa familiar galega medra, estamos totalmente seguros que Galicia medrará”.

O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, felicitou ao novo presidente e destacou o labor realizado por Emilio Pérez Nieto ao fronte dunha institución que representa “á capacidade exportadora das compañías galegas, a súa capacidade de innovación, os bos cadros directivos e unhas plantillas orientadas ao obxectivo social da empresa”.

A xornada contou tamén coas ponencias do vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet, e do Alto Comisionado do Goberno para a Marca España, Carlos Espinosa de Los Monteros, ademais do presidente do Instituto da Empresa Familiar, Ignacio Osborne, e o director xeral da mesma entidade, Juan Corona.

A Asemblea da Asociación Galega da Empresa Familiar definiu o novo plan estratéxico e os obxectivos e retos que afronta como actor económico e social de referencia en Galicia, xa que se trata da principal asociación de empresas con raíces, integrada polas 58 compañías galegas de referencia. A súa facturación conxunta supera os 9.300 millóns de euros e dan emprego directo a 49.000 persoas.

Perfil Víctor Nogueira

Víctor José Nogueira García (Santiago de Compostela, 1957) preside o grupo Nogar, con forte posicionamento no sector loxístico, comercial, inmobiliario i enerxético. É licenciado en Dereito pola Universidade de Deusto e graduado en Empresariais polo ICAI. Desenvolveu toda a súa carreira profesional no grupo empresarial familiar, do que é presidente. O grupo Nogar está integrado por 11 compañías de vocación internacional.