José Pereira: “A pesca foi a miña profesión e a miña vocación” XIII Premio Familia Empresaria do ano en Galicia

22.11.2018. A compañía pesqueira viguesa Pereira recibiu hoxe o Premio Familia Empresaria de Galicia logo de 63 anos medrando pouco a pouco, ata acadar un negocio de 200 millóns de euros, 1.000 empregos directos, unha flota propia de 19 barcos e factorías de elaboración de peixes e mariscos en 5 países.

“A pesca foi unha profesión e tamén unha vocación. Síntome moi orgulloso de que a terceira xeración, con dous dos meus netos, se incorpore xa a empresa”, explicou José Pereira Álvarez, fundador e patriarca da familia empresaria, aínda que as súas palabras foron lidas polo seu fillo e máximo responsable da compañía, José Enrique Pereira, pola perda de visión do presidente aos seus 93 anos. Pereira subliñou que a empresa pesqueira sempre seguiu un ritmo de crecemento suave. “O paso do boi é lento pero seguro”, repetiu José Enrique Pereira, o lema tantas veces exposto polo seu pai e que figura á vista de todos nas oficinas centrais da compañía no porto do Berbés, en Vigo.

O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar, Víctor Nogueira, subliñou a capacidade de Pereira para innovar e ser quen de pechar o ciclo do mar, incorporando ao seu grupo as divisións de conservas, distribución e comercialización. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, remarcou á importancia dun apelido nas empresas familiares, “máis importante aínda que unha marca, porque un apelido non se pode cambiar e atesoura ao longo dos anos a reputación dunha familia empresaria e os seus valores”.

A familia Pereira ao completo recibiu o XIII Premio Familia Empresaria de Galicia nun acto celebrado no Parador Conde de Gondomar en Baiona, ao que asistiron 150 empresarios de toda Galicia.